Palestra promovida pola Universidade do Minho no ámbito da Green Gap Academy
Formação gratuita dirigida a técnicos municipais, estudantes e cidadãos sujeita a inscrição.
A Universidade do Minho acolle, o día 13 de abril de 2026, ás 14h, unha conferencia integrada nas actividades da Academia Green Gap – Escola Galego-Portuguesa de Infraestruturas Verdes e Paisaxes Resilientes, promovida no ámbito do proxecto europeo Green Gap. A iniciativa ten como obxectivo reforzar a capacitación de técnicos da administración local, profesionais vinculados ao planeamento territorial, estudantes e outros axentes interesados na valorización ambiental e na ordenación sostible dos territorios. A participación nas actividades é gratuíta, mediante inscrición previa a través do sitio oficial do proxecto (https://green-gap.eu/green-gap-academy), onde tamén está dispoñible toda a información sobre o programa.
A conferencia "Entre o Urbano e o Rural, a Infraestrutura Verde na Eurorrexión: Escalas e Prácticas de Investigación e Proxecto" terá lugar na tarde do día 13 de abril na Escola de Arquitectura, Arte e Deseño da Universidade do Minho, no Campus de Azurém, en Guimarães. As intervencións de Cristina García Fontán, Luciano Alfaya e María Fandiño, especialistas en Arquitectura, Arquitectura Paisaxística e Urbanismo, permitirán coñecer, a través da presentación de investigacións desenvolvidas en contexto académico e prácticas de proxecto, algúns dos desafíos que á escala rexional e local se presentan para a implementación de estratexias de infraestrutura verde e de adaptación ao cambio climático.
Cristina García Fontán é doutora arquitecta e Mestre en Advanced Architecture polo Instituto Berlage de Róterdan. É profesora na Universidade da Coruña, onde imparte docencia en Arquitectura e Paisaxe. Coordina o grupo de investigación Persoa-Ambiente, centrado en hábitat, sustentabilidade e cooperación. Participa en proxectos de investigación sobre paisaxe, ordenación territorial e planeamento estratéxico e conta con experiencia docente internacional. Exerce tamén a profesión desde 2002 con proxectos de paisaxe, rehabilitación e edificación. O seu traballo foi presentado en foros internacionais como a New European Bauhaus en Bruxelas. En 2023, recibiu o Premio COAG de Arquitecturas Efémeras pola exposición Paisaxes Incultas: Metamorfose do monte galego.
Luciano Alfaya é arquitecto formado na Universidade da Coruña e mestre en Estratexias Urbanas pola Universidade de Santiago de Compostela, tendo completado a súa formación nas universidades de Porto, Róterdan e Edimburgo. Foi profesor de Urbanismo na Universidade San Jorge e profesor na Escola de Deseño e Arquitectura do Tecnolóxico de Monterrey, sendo ademais profesor convidado en diversas universidades internacionais. En 2004, funda con Patricia Muñiz o Estudio MMASA, con oficinas en España e México, traballando a transformación do territorio e das cidades. Galardoados co Premio COAG de Ordenación do Territorio 2012, co Premio da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo de 2018 e seleccionado para a Bienal Iberoamericana de 2019.
María Fandiño Iglesias é arquitecta, formada na Universidade da Coruña, e paisaxista, pola Universidade Politécnica de Cataluña. É profesora na Universidad Rey Juan Carlos en Madrid,
onde combina a docencia e a investigación. En 2019 funda o atelier MF.PAISAXE, desenvolvendo unha práctica na que o territorio e os seus valores ecosistémicos permiten á paisaxe recuperar e reclamar o seu lugar. Galardoada nacional e internacionalmente co Premio Nacional de Arquitectura 22' en Sustentabilidade e Saúde (CSCAE), o Premio COAG 23' de Espazo Público e Paisaxe, o premio internacional xove da International Federation of Landscape Architecture (IFLA) e finalista do premio FAD Cidade e Paisaxe 25'.
A conferencia enmárcase no plan de acción da Academia Green Gap, unha escola transfronteiriza lanzada no marco do proxecto europeo Green Gap, que promove en 2025 e 2026 cinco cursos, nove obradoiros e oito coloquios temáticos. A través desta rede de formación especializada, preténdese apoiar a transición ecolóxica local, capacitando os axentes territoriais para o deseño e implementación de solucións baseadas na natureza, que contribúan á restauración da biodiversidade, a renaturalización dos espazos urbanos e rurais e o planeamento de paisaxes máis resilientes. O proxecto Green Gap é desenvolvido por un consorcio de once socios galegos e portugueses: Instituto de Estudos do Territorio, Municipio de Paredes de Coura, Universidade da Coruña, Universidade do Minho, Deputación Provincial de Ourense, Municipio de Guimarães, Laboratório da Paisagem – Asociación para a Promoción do Desenvolvemento Sostible, Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, Concello de Pontevedra, Axencia Portuguesa do Ambiente e Instituto da Conservación da Natureza e dos Bosques. O proxecto Green Gap (0029_GREEN_GAP_1_E) está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no ámbito do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021–2027.