Pontevedra reúne a más de 70 profesionales en el Congreso GREEN GAP
O Concello de Pontevedra acolleu este luns no Pazo da Cultura o Congreso GREEN GAP sobre innovación en infraestruturas verdes, unha xornada técnica que reuniu a máis de 70 asistentes procedentes de administracións públicas, entidades ambientais, universidades, asociacións, comunidades de montes e profesionais vinculados á planificación territorial e á sustentabilidade.
O encontro, enmarcado no proxecto europeo GREEN GAP dentro do Programa Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021-2027, serviu para compartir experiencias reais e modelos de intervención sobre o territorio centrados na infraestrutura verde, a restauración ecolóxica, a biodiversidade e a gobernanza territorial.
A xornada foi inaugurada polo concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra, Xaquín Moreda, quen destacou a importancia de xerar espazos de cooperación e reflexión conxunta arredor dos retos ambientais e territoriais dos municipios, así como a necesidade de impulsar modelos máis sostibles e resilientes desde o ámbito local. O edil tamén foi o encargado de clausurar o congreso tras unha intensa mañá de traballo, intercambio de experiencias e debate técnico.
O programa estruturouse arredor de diferentes mesas de traballo que abordaron distintos enfoques sobre a planificación, xestión e desenvolvemento de infraestruturas verdes. A primeira delas estivo centrada nos proxectos europeos POCTEP vinculados á implementación de infraestrutura verde, coa participación de representantes de iniciativas como FIREPOCTEP+, INDNATUR e OET Durius. Durante esta sesión abordáronse cuestións relacionadas coa cooperación transfronteiriza, a restauración ecolóxica, a conectividade territorial e a continuidade dos proxectos máis alá do financiamento europeo.
A segunda mesa puxo o foco nos modelos municipais de xestión territorial, compartindo experiencias de transformación urbana, recuperación ambiental e mantemento de infraestrutura verde desde os concellos de Allariz, Lugo e A Coruña. Tres realidades territoriais moi diferentes —desde contornos máis rurais ata grandes ámbitos urbanos e costeiros— que permitiron analizar intervencións adaptadas ás particularidades de cada municipio, así como os retos vinculados á xestión diaria, ao mantemento dos espazos verdes e á relación entre cidadanía, urbanismo e paisaxe.
Finalmente, a terceira mesa abordou os modelos de custodia do territorio en infraestruturas verdes, coa participación de entidades como SEO/BirdLife Galicia, ADEGA e Associação Vita Nativa. As intervencións puxeron o acento na conservación da biodiversidade, a restauración ecolóxica, a participación social e o traballo directo con comunidades locais e propietarios de terreos, amosando experiencias prácticas de recuperación e xestión de espazos naturais.
Durante toda a xornada púxose en valor a cooperación entre administracións, universidades e entidades sociais para avanzar cara a modelos territoriais máis sostibles, resilientes e conectados coa contorna natural.
O Congreso GREEN GAP consolidou así a Pontevedra como un espazo de referencia para o intercambio de coñecemento e boas prácticas en materia de infraestrutura verde e sustentabilidade territorial.